Estaremos TODAS no escenario TODO O TEMPO. Cero tempo no banco, cero oportunidades para comentar nada, cero tempo para ver escenas en vez de actuar. Na improvisación, tendemos a deixar o espazo baleiro... poderemos enchelo? Podemos ser obxectos, unha paisaxe, unha tormenta... e aínda así dar protagonismo aos protagonistas dunha historia? Que recursos dun coro grego podemos seguir usando hoxe en día? Como detemos o caos e entramos xuntas na calma?
Traballaremos no coro, debuxando espazos co corpo, atopando diferentes xeitos de dar e de roubar protagonismo, bancos de peixes, invocacións grupais, o cerebro colectivo... en definitiva, escoita 2.0.